vigo.entrefamilias non se fai responsable dos posibles cambios en horarios, datas ou cancelacións que poidan producirse en cualquera dos eventos mencionados.

AXENDA DE ACTIVIDADES

Envía un correo ao alcalde para pedille que non peche o Museo Liste.

Liña directa co alcalde aquí.

Veña, imos pedirlle educadamente ao alcalde que non queremos que peche o Museo Liste. Eu xa enviei o meu correo. Non o deixedes para mañá!

Pasádeo. Bicos e moitas grazas: AnA


Esta é a mensaxe de despedida que están difundindo desde o Museo.

"Benqueridos amigos:


A Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo nace da paixón de Dº. Olimpio Liste pola nosa cultura, do altruísmo de compartila, e do  interese naquel momento  do goberno de Vigo. En decembro de 1999 púxose a andar este proxecto, que tivo no Museo Liste de Vigo a súa canle de desenrolo.


Ademais da extraordinaria colección das máis de 2.500 pezas que alberga,cun incalculable valor cultural, e que moitos de vós contribuístes a medrar, o Museo quixo incorporar tamén valores sociais, nos que as persoas fosen as protagonistas.
Quixemos chegar a todos; aos nenos, nos que descubrimos o  interese polos saberes de antano. Aos non tan novos, e aos maiores; cos que tivemos o privilexio de achegarnos a vivencias: a nosa mellor fonte de coñecemento.


Durante todos estes anos procuramos facer as cousas con dignidade, e non se escatimaron esforzos  que nos levaron a ir crecendo a modiño. Todo posible grazas tamén aos que desinteresadamente quixestes colaborar con este Museo: a nosa  familia etnográfica, na que sempre atopamos unha excelente disposición.


Queremos agradecer de xeito moi especial aos alumnos dos colexios que nos visitaron durante estes anos, a maioría convertidos xa en asiduos, ós seus profesores por ter a sensibilidade de buscar aquí o vínculo necesario para complementar a formación dos máis novos, pois coñecer o pasado lles puido axudar a descubrir valores moitas veces esquecidos no presente. Grazas ás Asociacións,  grupos, individuos,…que sempre soubestes  valorar os tesouros que este Museo agocha.


Todos estivemos aquí para traballar, por iso saíron tantos proxectos, e, -porqué non dicilo- moitos  deles con escasos presupostos;  pola contra, o esforzo dos que cremos no que facemos, e nos implicamos en corpo e alma; comprobando así que non son necesarios faraónicos proxectos  -que a maioría das veces quedan so niso- para transmitir ou crear cultura. 


A CULTURA  para nós, leva implícito un compromiso: co coñecemento, coa salvagarda, coa investigación, coa transmisión, ...e, sobre todo coas persoas que a constrúen, e coas que  gozan dela. Ese quixo ser o noso gran reto.
Lamentablemente este proxecto viuse truncado ante a falta de apoio e vontade política  das institucións, máis agora, que amparadas baixo o paraugas da crise atopan doado fuxir, eludindo  responsabilidades.


Por iso nos vemos obrigados a pechar, pero agardamos que o noso traballo agrome en todos os que atopastes  aquí un proxecto cultural  serio.


A todos, grazas,






Equipo do Museo Etnográfico Liste Vigo"

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada

Moitas gracias por comentar.
Interésanos moito a túa opinión. Usa o teu sentido común e comenta sobre o tema da entrada, non poñas todo o comentario en maiúsculas e, por suposto, non insultes nin descalifiques a ninguén.